Thursday 25 de April de 2024

Comezan as obras de instalación de alumeado público e zonas peonís na estrada que une os núcleos de Vilalbarro e O Cruceiro coa N-550


A empresa comprometeuse a rematar os traballos antes de fin de ano

As obras da primeira fase do proxecto de preinstalación de alumeado público e de zonas peonís na estrada que une os núcleos rurais de Vilalbarro e O Cruceiro coa estrada N-550, ao seu paso pola parroquia de Oroso, deron comezo esta mañá. Unhas obras nas que o Concello de Oroso vai investir algo máis de 102.000 euros.

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, acompañado polo concelleiro de Vías e Obras, Eduardo Veiras, visitou os traballos e destacou que “xa que as obras comezaron máis tarde do previsto, conseguimos o compromiso da empresa de que todos os traballos estarán finalizados antes do 31 de decembro, coa única excepción da iluminación”. Así mesmo, destacou as melloras que estes traballos van supoñer para os veciños e veciñas da parroquia de Oroso, “pois pasaremos dun vial de catro metros a outro de dez metros, con sendas peonís polas dúas bandas e que conectarán coas obras da segunda fase, que xa están rematadas”.

O Concello de Oroso decidira afrontar estes traballos en varias fases debido a que foi preciso expropiar algúns terreos para a execución das obras, que quedaron resoltas cun acordo do pleno municipal celebrado o pasado mes de abril. A preinstalación de alumeado público e de zonas peonís na estrada que une Vilalbarro e O Cruceiro vén completar os investimentos realizados polo Concello de Oroso nestas localidades da parroquia de Oroso, onde investiu case 262.000 euros para dotalas dos servizos de abastecemento de auga e de saneamento.